Ovella galega

Conscientes do perigo de extinción da raza da ovella galega, e da importancia de garanti-la preservación dos últimos exemplares desta raza procurase o mantemento dun rabaño en pureza racial cun status sanitario óptimo, así como o establecemento de medidas tendentes á posterior explotación por parte dos gandeiros desta raza que forma parte da cultura dos nosos pobos. Por iso o INORDE creou un rabaño de ovella galega na finca " Armariz " (Nogueira de Ramuín) propiedade da excelentísima Deputación de Ourense.

Esta foi unha raza típica das nosas cortes ata fai poucos anos. Está seriamente ameazada pola introducción nos rabaños de sementais de razas cárnicas máis pesadas e a recría posterior destes mestizos, co que se foi perdendo pouco a pouco a raza.

As características máis importantes desta raza son a prolificidade (elevado porcentaxe de partos múltiples), fertilidade (grande facilidade para a reproducción), rusticidade (moi adaptada a sobrevivir en condicións desfavorables), lonxevidade (longa vida productiva) e moi bos carácteres maternais.

A raza ovella galega agrupa a animais de pequeno tamaño, de proporcións ben equilibradas, ben enlanados e de cor branco, dedicados á producción cárnica. Dentro do convenio, unha das finalidades é a de garantir con toda seguridade a preservación dos últimos exemplares da raza ovella galega, establecéndose o obxectivo da súa multiplicación a partir deste rabaño inicial, con garantía sanitaria, co fin da súa distribución posterior ós gandeiros desta comunidade.

O programa inicia a principios de 1999 coa visita a un gran número de explotacións de ovino da comunidade autónoma para comproba-lo estado da raza e adquirir animais para o rabaño fundacional.

Nas visitas ás explotacións de ovino púidose comprobar o serio perigo de extinción no que se atopa esta raza por mor dos cruzamentos con outras razas cárnicas máis pesadas (para obter cordeiros máis precoces e de maior peso canal) e a recría destes mestizos. Hoxe son contados os rabaños con total pureza co agravante de non topar sementais para evitar unha elevada consanguinidade. Por outra parte pódense atopar animais puros illados co problema de ter unha idade moi avanzada.

Durante este período formouse un rabaño por parte do INORDE na finca "Armariz" de aproximadamente 100 cabezas. Adquiríronse en 17 cortes diferentes para asegurar unha viabilidade xenética procedendo de tres provincias (A Coruña, Lugo e Ourense). A elección destes animais realizouse polas características morfolóxicas e productivas propias desta raza.

O primeiro obxectivo é o de crear un rabaño en pureza racial, sendo o seguinte o de repoboa-las cortes desta comunidade con esta ovella, para iso o INORDE publicará unhas bases para ceder ou vender, subvencionados, sementais ou grupos de cordeiras a gandeiros desta comunidade interesados neste programa. Os animais cedidos faráselle un seguimento durante certo tempo prevíndose que a finais do 2000 xa se poidan ceder ditos animais.

volver