Panorámica de Manzaneda.

SITUACIÓN

A vila de Manzaneda, de grande atractivo turístico pola súa estructura medieval, con algúns restos notables da súa fortaleza, resulta sumamente agradable pola combinación da súa rusticidade e o aspecto limpo e estético das zonas públicas de recente construcción. Constitúe un dos territorios que conforman o Macizo Central Ourensán. Esta circunstancia confírelle, polas súas particulares características xeomorfolóxicas, florísticas e faunística, un importante papel no que a oferta de disfrute da natureza e ocio se refire.

A forma de chegar a Manzaneda é vindo do noroeste pola N-120 por Ponferrada; do Centro, levante e sur a N-525 por Benavente; do resto das provincias galegas incluído Ourense pola C-536.

HISTORIA E ARTE

Manzaneda conserva o seu sabor medieval, con casas señoriais no seu núcleo de estreitas rúas. A muralla e os restos da fortaleza constitúen precisamente o vestixio actual en relación coa historia de Manzaneda. Da muralla consérvase unha boa parte; e da fortaleza, a base dunha torre defensiva. Da muralla, coñecida na vila como A Cerca, cunha anchura na base de 5 metros, e na coroación 2.5, quedan aínda tramos importantes como o Arco da Porta da Vila. Outros como o da Porta de Abaixo foron destruídos, -deste derradeiro aínda se conserva parte- para deixar paso a un camiño veciñal. Polo seu valor artístico destacan tamén outras construccións: a Casa da Pena

Hito de pastores.
en Manzaneda de Arriba, documentada xa no século XVIII e cun escudo de armas no que se representan os catro apelidos da liñaxe Domínguez, Losada, Gaioso e Quiroga; o edificio coñecido por A Torre, obra que tamén pode datarse no século XVII, aínda carece de datos documentais, e que debeu ser palacio do administrador.

Cabalos en libertade.

GASTRONOMÍA E ARTESANÍA

Cociña familiar abundante e de gran calidade, esta podería se-la definición da cociña galega, aplicable a tódalas súas comarca e naturalmente a Manzaneda. A modo de carta ou menú podiamos citar unha relación de prato característicos desta zona da Galicia interior.

O cocido, un dos pratos máis mais completos, e que inclúen entre outros ingredientes, xamón con oso, tenreira, soá de porco, cachucha, touciño, chourizos, androlla, patacas, verdura, garavanzo...

 

As empanadas, imprescindibles en festas e excursións. Hai unha grande variedade, dependendo do compoñente que encerre a masa.

O caldo, un prato tradicional elaborado con verdura, grelos da época, patacas e unto. Constituíu un alimento básico na dieta tradicional, sobre todo en inverno.

Esta improvisada carta podería incluír outros suculentos pratos que se poden degustar en Manzaneda: asados de cordeiro e cabuxo, tenreira guisada e magníficas troitas.

 

As sobremesas son tradicionais, as filloas, unha especie de creps que admiten varios ingredientes. A típica filloa ourensá elabórase con sangue de porco.

A castaña é outro dos elementos característicos da zona, pero ó igual que noutros puntos de Galicia, foi perdendo protagonismo na dieta campesiña. Nembargantes, castañas de Manzaneda comercialízanse por toda Europa e permiten elaborar sobremesas tan exquisitas como o Marrón Glacé ou castaña confitada.

Porta da vila.

É típica a celebración do Magosto, ou festa da castaña asada (bullotes), que ten lugar tradicionalmente o día de Santos.

Unha boa comida necesita un bo viño, e en Manzaneda encontramos este en tódala ribeira do Bibei, coidados con especial mimo e de forma artesanal. A destilación ritual e lentamente produce o afamado augardente galego, con variantes como o licor café ou o licor de herbas, xastreus.

MONUMENTOS E MUSEOS

Iniciamo-lo itinerario cunha visita o Santuario das Ermidas, pertencente ó Concello do Bolo, aínda colindante co de Manzaneda, unha atractiva mostra do barroco galego. A construcción deste santuario iniciouse en 1624, na Ermita onde a tradición conta que apareceu a imaxe da Virxe oculta baixo unha roca. Ó primitivo templo fóronse engadindo a capela maior, as dúas torres e a fachada.

Mázcaras.
O interior alberga importantes pezas de orfebreiría. Sen movernos do Concello de Manzaneda podemos visitar igrexas de indudable valor artístico como Santa María A Real de Cesuris (de orixe dubidosa, pode situarse no século XVII e a igrexa parroquial de San Miguel (destaca a súa torre, de considerable altura).
Está rodeada dun amplo atrio con grandes muros de cantería. Edificio do século XVIII, de retablos barrocos, foi definida por BEN-CHO-SEI como a catedral das terras de Manzaneda. En Manzaneda e no seu contorno atopamos outros edificios como o cárcere, edificio anexo o castelo, no que se detectan diversas etapas constructivas, sendo as máis recente do XVII. Posúe pedra de armas, está totalmente restaurada e dedícase a centro social. Unha antiga casa solariega emprázase en Cubeiros, a súa característica máis notable é o grande escudo de armas que ostenta. Existe abundante heráldica no concello, con especial presencia das armas dos Sarmiento, condes de Ribadavia.

Nas propias terras de Manzaneda, poderá observarse un museo sobre o liño, localizado no pobo de San Miguel, onde se pode ver desde a semente autóctona, os útiles empregados para a transformación do mesmo en fío e tela, ata documentarse sobre o proceso a seguir segundo a máis pura tradición do lugar.

Praza da Casanova.

ATRACTIVOS TURÍSTICOS (ESPACIOS NATURAIS)

Queixa-Invernadoiro

É un espacio articulado preto de Cabeza de Manzaneda, Cabeza Grande, onde alcanza a súa máxima altitude 1778 metros sobre o nivel do mar, a Serra de Queixa, Fial das corzas e Invernadoiro. O seu límite superficial podería definirse pola curva altimétrica dos 1.000 metros. Da superficie resultante pertencen ó territorio de Manzaneda unhas 6.000 Ha, dentro das mesmas sitúanse paraxes tan importantes como o citado cumio; o val glaciar formado polo río das Lamas, na que a súa vez atopamos a Lagoa Grande, e a zona de As Aguilladas especialmente aproveitable esta derradeira para a práctica da escalada.

Os accesos a este espacio, son case todos eles mediante camiños de ferradura ou sendeiros de montaña.

Piscinas municipais.

Gargantas do Bibei

Este espacio natural xerado polo río Bibei encóntrase comprendido nos municipios de Manzaneda e O Bolo, con maior presencia no primeiro. O seu principal atractivo constitúeo o profundo leito do río que lle da nome, sumado as súas características de microclima que propicia formas de vida e cultivos infrecuentes nestas latitudes.

Detéctase neste espacio, particularmente na ladeira Oeste, a paisaxe modelada polos paredóns ou bancais nos que se cultiva a vide, da que se obtén extraordinarios viños como Requián, Quinta e Valderrodrigo. A intensa presencia deste e dos grandes soutos de castaños na súa marxe esquerda sumados ó encaixonamento fluvial xeran unhas vistas de gran fermosura. A esta fermosura paisaxística haberá que engadirse a da súa rica e abundante flora, tipicamente mediterránea, na que aínda se conserva unha notable poboación de oliveira.

Son de destacar tamén as formas de vida arcaicas en algúns dos seus núcleos de poboación, conservándose un alto grao de pureza nos costumes e tradicións, así como as súas peculiaridades lingüísticas.

Outros atractivos turísticos

As tradicións, folclore e cultura material constitúen outro dos alicientes para o visitante. Mención especial merecen as celebracións do Entroido - Carnaval- nos pobos da zona oriental do concello. As personaxes do Entroido: mázcaras, comparsas e peliqueiros son dunha gran vistosidade e colorido. As súas danzas, o son dos grandes bombos, cun ritmo electrizante conseguen subxugar ó público observador que termina mesturándose e participando como un actor máis.

Outro costume ben conservado é a do xogo de bolos, en franca expansión. Este xogo ten especiais particularidades segundo a parroquia onde se celebre, nembargantes a tendencia á unificación comeza a detectarse.

FESTAS E FEIRAS

A festa patronal celébrase en honor de Nosa Señora das Neves o fin de semana posterior ó 5 de agosto.

Tamén se celebra no verán un festival de Bandas de Gaitas.

Entroido, distintos folións formados por mázcaras, bombos, etc., desfilan e bailan para finalizar coa degustación de productos típicos (empanadas, chourizos, viño, bica, etc); celébrase o Martes de Carnaval.

Feiras: Manzaneda os días 22 de cada mes. Reigada, mercado o día 8 de cada mes.

TELEFONOS DE INTERESE:

CONCELLO 988 33 30 43